Wednesday 15 de May de 2024

Llega700 informa do próximo acendido dun nodo de telefonía móbil que podería afectarlle á recepción da TDT en Moeche


As principais operadoras de telefonía do Estado -Telefónica, Vodafone e Orange- están levando a cabo o progresivo despregamento da tecnoloxía 4G e 5G, co obxectivo de mellorar a cobertura e incrementar a velocidade de conexión á Internet dos teléfonos móbiles. Porén, ese proceso tecnolóxico pode interferir no sinal da televisión dixital terrestre impedindo que vexamos correctamente algunhas canles ou que deixemos de velas por completo. Por sorte a solución é moi sinxela e, ademais, gratuita. E é que as operadoras teñen en marcha a plataforma Llega700, que se encarga de solventarnos de balde e a domicilio as incidencias na recepción. Abonda con chamar ao 900 833 999 ou contactar con Llega700 a través da súa web. Aos poucos días enviarán unha empresa instaladora para colocar un filtro na antena e xa poderemos ver a tele de novo sen problemas.

Llega700 contactou hai uns días co Concello de Moeche para informalo do próximo acendido dun novo nodo de telefonía móbil que podería afectarlle á recepción da TDT. Falamos en sentido hipotético, dado que é moi posible que ninguén note nada porque xa teña instalado un filtro axeitado na súa antena ou porque, de habelas, as incidencias sexan puntuais nalgúns lugares.

Os síntomas máis habituais son o de poder ver varias canles mentres que outras quedan coa imaxe conxelada, pixelada (con grandes cadros que distorsionan a recepción) ou directamente en negro, que os televisores modernos adoitan indicar co texto “non hai sinal”.

É importante ter en conta este detalle de se recibimos unha parte dos programas ou ningún, posto que se de golpe deixamos de ver todas as canles o máis probable é que se trate dun problema da instalación da nosa antena -un cable que fai mal contacto, unha orientación defectuosa por mor dun temporal, etc.-, mentres que se recibimos unhas si e outras non, o máis seguro é que se trate dunha interferencia da telefonía móbil.

Se estamos neste segundo caso -ver unhas cadeas ben e outras mal ou sen sinal-, recomendamos como primeiro paso volver sintonizar todos os programas da TDT, non vaia ser que algún deles cambiase de canle de emisión e que non o esteamos recibindo por esa razón.

Se despois de resintonizar vemos que o problema persiste, entón si, debemos contactar con Llega700 para que nos envíen un antenista. Podemos facelo de dúas maneiras: chamando ao teléfono gratuíto 900 833 999 -atende de luns a sábado, agás festivos, de 09:00 a 22:00h- ou a través da web Llega700.es.

No sitio web temos á nosa disposición un mapa onde podemos buscar o noso domicilio e saber de antemán se estamos nunha zona con posibilidade de estar afectada. Se é así, podemos dar aviso desde a propia aplicación, deixando os nosos datos para que nos chamen por teléfono no horario que mellor nos vaia.

Aos poucos días visitaranos un ou unha das antenistas que colaboran con Llega700 e instalaranos un pequeno filtro na antena que evitará as interferencias nas bandas de 700 e 800 Mhz, utilizadas polo 4G e o 5G, respectivamente. É importante recordar que tanto este aparello como a man de obra son gratuítos.